miércoles, 4 de mayo de 2022

Fogar

Hai persoas que son fogar, persoas coas que podes mostrar corpo e alma porque sabes que non te van xulgar. Persoas que forman parte dos cimentos sobre os que te permites soñar. Persoas que te manteñen segura cando todo ao redor parece que se pode derrubar. 

É moi complexo coñecer a alguén que comprenda tan ben cada fibra do teu ser. Quizais ten moito que ver con compartir cicatrices semellantes... pero nós, individualmente e en conxunto, somos moito máis que iso. E espéranos moito máis do que xamais imaxinamos que íamos ter. Porque o merecemos e porque xuntas conseguiremos que unha e outra deixemos os medos atrás para camiñar cara un futuro no que por fín poidamos baixar a garda e desfrutar.

Porque cando ti necesites pechar os ollos eu serei quen te guíe na escuridade, porque cando eu necesite saír correndo ti serás o refuxio no que esconderme para logo regresar. Porque cando non poidamos confiar nin en nós mesmas, teremos á outra para recordarnos que somos máis fortes do que creemos. 

Oxalá puidese falar coa nena que un día fun, sei que lle faría moi feliz saber que tiven a sorte de atoparte a ti. Alguén que aínda sendo consciente de todas as pezas defectuosas que teño, decide quedarse e axudarme a resolver o quebracabezas no que un día me converteron.