martes, 28 de junio de 2022

Despedidas

É curioso como a través de coñecerte a ti, coñecínme a min mesma de xeitos que nin imaxinaba...

Sinto que fuches a persoa indicada, pero non para o que esperaba. Agora sei que non eres ese 'final feliz' que creía necesitar, pero aprendín que teño moito que vivir antes de chegar a ese final. Que o mellor non está na meta, senón no emocionante camiño que percorres desexando que non remate xamais. Agora sei que hai persoas que son pontes entre quen eras e quen queres ser, e eu hoxe estou algo máis preto de convertirme nesa mellor versión de min mesma porque porfín entendo que antes de todo e todes, estou eu. 

Non podo estar máis agradecida de terte coñecido, de cada momento vivido, breve pero cheo de ilusión, de cada medo que tiven que afrontar e de cada aprendizaxe que logrei asimilar xunto a ti. 

Adoitaba temer as despedidas, agora sei que moitas veces tes que aprender a desprenderte do que xa non pode aportarche nada máis para deixar paso ao que ven detrás.
Non eres o que necesito nin eu o son para ti, pero fuches a persoa necesaria para ensinarme que podo ser feliz. 

miércoles, 15 de junio de 2022

Amor

Paseime anos idealizando as relacions de parella dun xeito moi inxénuo. Tiña esa imaxe perfecta de película na que vén todo dado e non hai complicacións reais, nas pelis sempre que xorde un pequeno tropezo na trama amorosa soluciónase cun xesto pomposamente romántico e listo, todo perfecto, un par de namorados e a relación "ideal".  Nada máis lonxe da realidade. 

Fai uns meses que coñecín a unha persoa que comezou a revolucionar todas as ideas que tiña nesta cabeciña de romántica empedernida (ou eso creia eu), e que na contra de espertar as mariposas (de inseguridades, porque si, as mariposas para min nunca foron amor, eran a maldita ansiedade de non saber o que a outra persoa sentía por min), o que espertou foron os tremores que ameazaban con derruír as barreiras que co paso do tempo alzara para protexer o meu corazón de tantas feridas e decepcións. E canto menos queda desa coiraza, máis vulnerable te sintes e máis medo che da sentir que poden destruirte... ou axudarche a re-contruirte como unha persoa nova. E por iso, cando sentía ganas de saír correndo dunha situación que claramente estaba espertando os meus medos, cuestionábame se entón merecía a pena, se iso nalgún momento podía converterse en amor, porque nunca me fixeran ver que namorarse podía dar vértixe, porque nunca imaxinara que tería que loitar conmigo mesma para non botar todo por terra e saír da miña zona de confort. E pensarás que unha vez que a tempestade rematou e fun capaz de apostar por min, por ambos, veu a calma. Pero non. Logo aparece outra realidade, pois posiblemente teñades moitas cousas en común e outras dispares, pero en definitiva sodes dúas persoas diferentes, que se expresan, que sinten, que desexan, que necesitan, que viven... E dentro das vosas realidades particulares tedes que facer un pequeno circulo común no que colocar os vosos límites persoais, as vosas expectativas, as vosas inseguridades... Comeza unha época na que mentres vos aprendedes a querer, tamén aprendes a conocer á outra persoa e a ti mesma, unha época na que en definitiva constrúes as bases do que poderedes chegar a ser. Unha base na que ademais de moito amor ou atracción, tamén debe primar a confianza, o respeto e a comunicación, porque non é fácil, pero que sexa máis complexo do que nos trataron de vender, non significa que sexa peor. 

Si, querer e sentirte querida, pode levarte ao ceo, pero de nada serve lanzarte a voar se non te esforzas por manter o aleteo. Romanticemos esforzarnos por querernos ben, romanticemos esas conversas difíciles nas que tratamos de construír os cimentos para ser 'fogar' un para o outro, romanticemos querer sen perder(te), senón encontrando novas partes de ti que nin sabías que estaban aí. Romanticemos amar, pero sen príncipes, princesas ou perdices, senón con persoas que che axuden a tinguir de cores os días grises.

viernes, 10 de junio de 2022

Carta ao pasado

Empezo a ser cada vez máis consciente do que necesitabas e nunca tiveches. Pero agora tesme a min. Agora estoume a converter na adulta que sempre desexaches ter ao teu carón. Naquela persoa que te fai sentir escoitada e comprendida. Naquela que valora que compartas os teus soños, pensamentos, medos e inquedanzas, e non te fai sentir invisible. Naquela persoa que te anima a ser quen eres sen vergoña, sen ter que esconderte. Naquela que te defende cando os demáis tratan de empequenecerte. Hoxe podo estar aquí para ti, igual que ti segues en min. Ti eres eu e eu non sería ninguén sen ti. 

jueves, 2 de junio de 2022

31

Hoxe eran os teus 32 e non hai velas que soprar nin desexos que pedir. Tampouco hai felicitacións ao longo de todo o día polo grupo de whatsapp da familia. Hoxe, sin ti, só ficou o silencio e estes pensamentos. 

O teu número xa deixou de existir ainda que eu non son capaz de borrar esa última proba dos 31 anos que estiveches aquí. 

Unha parte de min aférrase á idea de que mentres te recordemos non te vas acabar de ir... Mais a realidade recórdame que mentres todo avanza, ti quedacheste nesos eternos 30+1. Non te veremos alcanzar metas e soños que estou segura de que, nalgún momento, trazaras para ti, non veremos sairche as primeiras canas, non coñecerás aos teus sobriñ@s (ainda que estou segura de que túa irmá se encargará de que el@s te coñezan a ti), non te veremos de velliño contando aventuras como facía teu avó... Pero ten por seguro que as contaremos nós por ti, porque non puidemos evitar que te foses, pero podemos conseguir que dalgún xeito sigas aquí. Hoxe e sempre, L.